A Laracha dá a coñecer a programación das súas festas patronais


O Concello, coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña, organiza a ampla programación cultural que se desenvolverá do 13 ao 17 de agosto en torno ás festas patronais da Laracha. As propostas irán dirixidas a todos os públicos e consistirán nun concerto musical, espectáculos de rúa infantís, maxia e cine ao aire libre.

O programa principiará o venres 13 de agosto ás 19:00 horas con Circo Galaico, de Títeres Alakrán, un espectáculo de variedades dirixido ao público infantil e familiar que estará conducido por un presentador que será o mestre de cerimonias de clásicos e insólitos números de circo onde a maxia e o fantástico se mesturan co autóctono.

O sábado 14 desde as 21:30 horas teremos o evento principal co concerto de Susana Seivane. “FA”, o seu quinto álbum, é o resultado dunha profunda introspección no campo da maternidade, dos convencionalismos, da familia e da plenitude persoal. A coñecida artista musical galega explora novos ritmos imprimindo modernidade na tradición e erixíndose como unha das máis virtuosas gaiteiras de todos os tempos.

Para o domingo 15 hai programadas dúas citas. A primeira, desde as 19:00 horas, é Ikigai, un espectáculo infantil de rúa a cargo da compañía SU.MA, acrónimo das artistas Sue Moreno e María Move. Trátase dun evento  de danza-circo 360º de medio formato, onde dous personaxes crean mundos de fantasía. Xogo, imaxinación, acrobacia aérea e voz cantada en directo, son os ingredientes dun espectáculo onde a maxia xorde do uso creativo dos elementos e a destreza comunicativa das interpretes co espectador.

Xa pola noite, desde as 22:00 horas, o cómico Pepo Suevos chegará á Laracha co seu monólogo Falade galego rapazada, creado a partir da súa propia experiencia para animar aos millenials a empregar a lingua propia de Galicia en todas as situacións da súa vida.

O luns 16 ás 19:00 horas será a quenda para o Mago Xacobe, un dos ilusionistas galegos de maior prestixio que combinará no seu show a maxia co humor e a participación dos asistentes. O evento é especialmente dirixido ao público infantil e familiar.

Por último, o martes 17 a partir das 22:30 horas ofrecerase cine de verán coa comedia Cuñados, protagonizada polos actores galegos Xosé A. Touriñán, Fede Pérez e Miguel de Lira. O filme, estreado no pasado mes de abril e que está entre as películas máis taquilleras en España no ano 2021, aída se atopa actualmente en cartel nos cines convencionais

Todos os eventos terán lugar na Praza Olonne sur Mer da capital municipal. Debido á limitación do aforo, e en cumprimento da normativa covid, será preciso que cada persoa que desexe asistir a calquera evento reserve previamente a súa praza de xeito gratuíto. Poderase facer cubrindo o correspondente formulario na web municipal ou acudindo ao Concello. As inscricións abriranse o martes 2 de agosto ás 12:00 horas.

Por cuestións organizativas, requirirase chegar cunha antelación mínima de quince minutos antes do inicio de cada evento. O acceso permitirase desde unha hora antes do comezo.