A Laracha da a coñecer os artistas participantes no Festival do Humor

Concello da Laracha

O Concello da Laracha renova a súa aposta por ofrecer espectáculos cómicos de alta calidade na séptima edición do Festival do Humor, programa xa consolidado como un dos grandes referentes nas propostas culturais municipais da primavera.Este ano volven a contar cun cartel de luxo, xa que pola Casa da Cultura pasarán catro monologuistas de referencia nacional. Trátase dun festival moi completo, con shows para diferentes idades e gustos, e todos eles dunha calidade incuestionable.

O encargado de abrir o cartel será Luis Zahera o sábado 4 de maio. O flamante premio Goya ao mellor actor de reparto pola súa participación no filme El Reino regresa á Laracha para compartir co público anécdotas e experiencias persoais.

Os tres seguintes espectáculos serán en venres, tal e como foi habitual nas edicións anteriores do programa. Así, o poeta e contacontos pontevedrés Celso Sanmartín chegará á Laracha o 10 de maio cun monólogo composto, como é habitual en el, de historias e memorias da tradición oral galega. O 24 de maio o artista ourensano Moncho Borrajo, un dos humoristas galegos de maior éxito do momento, fará unha parada na Laracha no seu percorrido por todo o país, onde está a encher grandes teatros en diferentes cidades do panorama nacional co seu último show. E o lucense Oswaldo Digón, un dos cómicos de referencia no panorama galego actual, pechará o festival o 31 de maio. As entradas sairán á venda para o público en xeral o xoves (25 de abril) e poderanse adquirir na Casa do Concello ao prezo reducido de cinco euros por cada espectáculo.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha