- O acceso ás obras é gratuíto e por orde de chegada ata completar a capacidade máxima da sala
A Primavera Teatral regresa a Paiosaco baixo a organización do Concello da Laracha e coa colaboración da Deputación da Coruña. Este 2021 celebra a súa décima edición, polo que durante as vindeiras tres semanas o auditorio do centro sociocultural acollerá varias funcións con dous claros obxectivos: achegar á cidadanía as artes escénicas e apoiar ao sector cultural, especialmente afectado pola crise do coronavirus.
O primeiro espectáculo terá lugar este venres a partir das 20:00 horas. Será Chola, a IT Girl, na que a actriz Laura Villaverde dá vida a unha mecánica de coches e blogueira galega que é contratada por un teatro para presentar o seu monólogo ao máis puro estilo de show escénico youtuber.
O venres 16 será o turno da compañía Malasombra Produccións que chegará con Go On!, unha comedia protagonizada por Xoque Carbajal e Jouse García e dirixida por Marcos Orsi. A peza percorre e parodia os costumes, refráns, cancións e a cultura galega en xeral mediante dous intrépidos exploradores que tiveron o valor de introducirse nas descoñecidas terras galaicas a través do Camiño de Santiago.
O ciclo pecharase o venres 23 cunha versión de Mostellaria, a comedia clásica de Plauto, adaptada pola compañía teatral Corzo Producciones.
Debido ás restricións sanitarias, e para previr contaxios por Covid-19, o aforo será limitado e o público asistente terá unha separación de metro e medio durante a obra. Será obrigatorio o uso da máscara facial durante toda a función. A entrada é gratuíta e por orde de chegada ata completar a capacidade máxima da sala.