A Laracha despide o seu programa de actividades deportivas con máis de 1.000 participantes

2 minutes read
  • As últimas citas serán as exhibicións das escolas municipais de zumba kids e de patinaxe que se realizarán este sábado
  • O Concello está a ultimar o programa de actividades de verán

O programa de actividades culturais e deportivas de inverno 2021-2022 organizado polo Concello da Laracha está a punto de finalizar. As últimas citas serán as exhibicións das escolas municipais de zumba kids e de patinaxe que se realizarán este sábado pola mañá durante a celebración do Día do Deporte, no que tamén estarán representadas outras actividades como o tiro con arco, xadrez, fútbol sala, ximnasia de mantemento e aquagym.

O Concello ofertou un total de 30 propostas diferentes, das cales 14 foron dirixidas ao público infantil e 17 a adulto. Os obxectivos esenciais do programa foron potenciar os estilos de vida saudables coa práctica de actividades deportivas, facilitar a conciliación das familias con nenos ao seu cargo e ofrecer posibilidades de aproveitamento do tempo de ocio dos laracheses.

Sen dúbida, o mellor indicativo da boa acollida e valoración do programa son os datos de participación rexistrados, superando as 1.000 inscricións. Un volumte «moi destacado», sinalan desde o goberno local, considerando «as circunstancias especiais deste curso e as restricións que foi preciso aplicar, especialmente durante os primeiros meses en cumprimento das normativas covid». Ademais, case un 70% dos asistentes foron adultos.

Para facilitar o acceso da veciñanza en xeral a estas actividades, o Concello apostou por descentralizar a oferta levando propostas a todas as parroquias. Tamén aplicou descontos nas cotas de inscricións a todas as persoas a partir da segunda actividade e xa desde a primeira a menores de idade, persoas maiores de 65 anos, familias numerosas e familias nas que todos os seus membros se atopaban en situación de desemprego.

O curso que mellor acollida tivo foi o de ximnasia de mantemento, no que participaron un total de 165 persoas entre as dez parroquias nas que se realizou. Outras das actividades que mellor acollida obtiveron considerando os datos de asistencia foron ioga, pilates, cociña, pequecociña, zumba, zumba kids e as diferentes propostas de informática.

Desde o goberno local xa están ultimando o contido do programa municipal de actividades de verán que se desenvolverá entre os meses de xullo e agosto e que tamén incluirá propostas culturais e deportivas dirixidas a todos os públicos, especialmente ao infantil e xuvenil.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?