A Laracha destina 121.500 euros as entidades culturais e deportivas

Concello da Laracha

O anuncio da convocatoria das subvencións municipais foi publicado este venres no BOP.

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) da Coruña publicou este venres o anuncio da convocatoria das subvencións municipais do Concello da Laracha dirixidas a entidades culturais, deportivas, educativas e deportistas individuais para o fomento da organización e realización de actividades ou actos considerados de interese xeral para a poboación do Concello a Laracha ao longo de 2019.

Na convocatoria deste ano o Concello da Laracha destinará 121.500 euros a esta liña de axudas económicas. Deste xeito o goberno municipal mantén o seu firme compromiso co apoio económico ao asociacionismo e tamén aos deportistas máis destacados a nivel individual.

Os catro apartados de actuacións subvencionables que se recollen na convocatoria corresponden a:

– Promoción de actividades educativas: actuacións culturais ou deportivas a realizar nos centros educativos públicos da Laracha, ben polas Asociacións de Alumnos ou de Pais ou mesmo polos propios centros educativos.

– Promoción de actividades culturais: entendendo por elas calquera acción referida á conservación, promoción e divulgación dos valores culturais.

– Promoción de actividades deportivas: neste apartado inclúense as escolas deportivas, cursos, competicións, campus e todas as actividades relacionadas co fomento do deporte en xeral.

– Deportistas individuais: a través desta achega económica, o Concello da Laracha pretende apoiar aos seus deportistas máis importantes cunha subvención para sufragar os gastos das viaxes ou da adquisición e o mantemento do seu material deportivo. Á hora da concesión da subvención, valoraranse os éxitos persoais de cada deportista nas competicións en diferentes ámbitos xeográficos. O prazo de 30 días naturais para presentar as solicitudes de participación nesta convocatoria de subvencións municipais comeza o sábado 30.