O Concello da Laracha destinará 75.000 euros a cooperar cos estudantes e as súas familias nos gastos derivados do inicio do novo curso escolar e tamén da adquisición de material informático durante o ano 2020. Nos próximos días ambas convocatorias de axudas municipais serán publicadas no Boletín Oficial da Provincial (BOP), abríndose a continuación o prazo para que as persoas interesadas poidan presentar as solicitudes de participación.
A habitual convocatoria de axudas ás familias para a escolarización dos seus fillos, coas que o Concello coopera no financiamento da adquisición do material escolar e didáctico complementario ou calquera outro desembolso directamente relacionado coa actividade educativa para o curso 2020-2021, estará dotada con 55.000 euros. As contías das subvencións serán de 125 euros cada unha para os beneficiarios de bolsas de estudos que sexan estudantes de educación infantil, 100 euros para os de educación primaria, secundaria obrigatoria, 180 euros para os estudantes de bacharelato e ciclos formativos de grao medio e superior e 300 euros tanto para os que cursen estudos universitarios de grao medio ou superior como para aqueles alumnos que requiran de necesidades educativas especiais.
A outra convocatoria municipal de axudas aos estudantes realizarase por excepcionalmente e ten por obxecto subvencionar a adquisición de material informático ao longo do ano 2020. O Concello destinará 20.000 euros a este programa, pensado especificamente para o alumnado que comprase ou vaia comprar antes de final de ano un ordenador persoal, tableta, impresora ou libro electrónico para poder adaptarse ás circunstancias da suspensión das clases presenciais desde o mes de marzo debido á Covid-19 e poder participar nelas de xeito telemático. Neste caso, a contía das axudas será de 200 euros por beneficiario.
En ambos convocatorias a concesión das subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, sendo os criterios de outorgamento a renda per cápita, número de membros e características da unidade familiar e o expediente académico dos solicitantes. Poderán participar neste programa de axudas todos os estudantes de calquera nivel (desde educación infantil ata universitarios) que estean empadroados no Concello da Laracha desde antes do 1 de setembro de 2019. Estas liñas de subvencións municipais son compatibles con calquera convocatoria de bolsas de estudos realizada por outra administración ou institución.
O goberno municipal da Laracha, consciente das dificultades económicas que supón o inicio do curso escolar para moitas familias, e máis aínda cos gastos extra que supuxo o cese da actividade presencial nos centros de ensino desde o pasado mes de marzo, reforza, así, o seu compromiso co apoio á escolarización co propósito esencial de facilitar o proceso de formación dos veciños como o elemento fundamental para o seu desenvolvemento persoal.