A Laracha e a Deputación financiarán as obras de humanización da rúa José Manuel Ferreira Penedo

Ayuntamiento de A Laracha

  • En Paiosaco cambiarase o nome das rúas Feal e Rabadeira por Fernando Álvarez de Sotomayor e Isidro Parga Pondal

O goberno local da Laracha presentará no vindeiro pleno, que se celebrará o venres 29 deste mes, unha proposta para solicitar á Deputación da Coruña unha subvención nominativa de cara a financiar o proxecto de humanización da rúa José Manuel Ferreira Penedo, unha actuación valorada en 100.000 euros.

O proxecto dará continuidade a outras intervencións de similares características realizadas nos últimos anos en varias vías situadas nas inmediacións de dita rúa. Segundo sinalan desde a Alcaldía, “establecerase o sentido único de circulación, o que permitirá gañar espazo para ampliar a beirarrúa, aparcamentos e a creación de áreas de descanso na que se colocará mobiliario urbano”. Tamén se renovará o pavimento da calzada, así daráselle “prioridade aos peóns sobre o tránsito rodado, aumentarase a seguridade viaria e farase máis accesible a rúa, beneficiando tanto á veciñanza como aos establecementos comerciais”, destacan.

Por outra banda, na sesión plenaria tamén se proporá que se cambie o nome de dúas rúas no núcleo urbano de Paiosaco. Así, a rúa Feal pasará a denominarse Fernando Álvarez de Sotomayor e a rúa Rabadeira, Isidro Parga Pondal. Este cambio foi acordado na xunta de portavoces celebrada esta semana e na que participaron representantes dos tres grupos municipais. O motivo do mesmo, segundo sinalan desde o Concello, é que “no desenvolvemento do proxecto de recuperación de topónimos e incorporación dos mesmos ao padrón municipal de habitantes, está previsto incluír O Feal e A Rabadeira como núcleos de poboación da parroquia de Lestón. Ambos actualmente dan nome a sendas rúas en Paiosaco, o que pode provocar confusións cando se actualice o padrón”.