Na Xunta de Goberno Local celebrada este xoves acordouse incluír o proxecto de renovación da estrada da parroquia de Montemaior que comunica o núcleo de Santa Margarida co límite de Cerceda no Plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas, impulsado polo Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia e cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).
A actuación consiste na completa renovación do firme desta vía, que presenta unha lonxitude de 1.250 metros e unha anchura media superior aos cinco metros. Mellorarase tanto a plataforma de rodadura dos vehículos como a drenaxe da estrada para reforzar a seguridade. Trátase dunha vía de gran importancia ao comunicar as fincas agrícolas desa zona coa estrada DP-2404 que dirixe á Silva (concello de Cerceda) e dar tamén acceso ao termo municipal de Carballo por Paradela.
O orzamento do proxecto ascende a 65.500 euros. A asignación que lle corresponde ao Concello ao abeiro deste programa da Xunta de Galicia é de 53.961 euros, financiándose a parte restante con fondos propios municipais.
Ademais, o Concello solicitará acollerse á convocatoria de subvencións da Deputación da Coruña relativa á limpeza de praias marítimas durante o próximo verán. Con esta liña de axudas preténdese financiar parte dos gastos da contratación do persoal que, durante os meses de xullo, agosto e setembro se encargará de manter en perfecto estado de limpeza a praia de Caión e a súa contorna.