A Laracha e Carballo presentan un proxecto conxunto de rehabilitación do roteiro Razo-Caión

1 minutes read
  • O orzamento deste proxecto alcanza os 60.000 euros

Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local da Laracha, celebrada este xoves, deuse luz verde a unha serie de solicitudes de participación en convocatorias de axudas promovidas pola Xunta de Galicia.

Unha delas preséntase conxuntamente co Concello de Carballo ao abeiro da convocatoria da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo do Fondo de Compensación Ambiental. Valorado en preto de 60.000 euros, este proxecto ten por finalidade a posta en valor e a rehabilitación do roteiro litoral Razo-Caión. No termo municipal da Laracha a actuación prevista é a mellora do firme da pista de Saldoiro; mentres que na localidade carballesa proponse a renovación da pasarela existente no inicio da ruta en Razo e a mellora do camiño que discorre entre A Pedra do Sal e Leira.

Outra solicitude de subvención á mesma Consellería preséntase no marco da convocatoria de axudas para a mellora de infraestruturas, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais. Neste caso, a finalidade é a reforma da cuberta e a renovación do pavimento do complexo deportivo da piscina municipal cun proxecto que alcanza os 65.000 euros de orzamento.

Ademais, o Concello da Laracha pretende beneficiarse da liña de subvencións da Consellería de Política Social para dispoñer dun logopeda, un psicopedagogo e un mestre de educación especial na realización dun programa municipal de estimulación dirixido a nenos de ata seis anos de idade.