A Laracha e Carballo presentes no Congreso Internacional de Bandeira Azul, nas Palmas

O evento é organizado pola Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC), entidade responsable en España dos programas internacionais da Foundation for Environmental Education (FEE), entre os que destacan a Bandeira Azul, Sendeiro Azul e Centro Azul de educación ambiental.

O Congreso Internacional de Bandeira Azul realízase co obxectivo de desenvolver un novo concepto para praias no que a sostenibilidade, a saúde e a seguridade se convertan en realidades confluíntes que avancen no compromiso por un futuro de calidade ambiental e persoal. A presenza da Laracha e Carballo permitirá abrir posibilidades de intercambio de información con representantes internacionais, nacionais e municipais, así como con técnicos e profesionais dos servizos con responsabilidades en praias nos ámbitos da lexislación, educación, atención á diversidade, seguridade, emerxencias e socorrismo.

Nas tres xornadas do congreso están en representación da Laracha o Tenente de Alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, e en representación de Carballo o Coordinador de Emerxencias e Protección Civil, Francisco Javier Souto Facal. Ambos están a asistir a ponencias sobre diversas temáticas, mesas de traballo especialmente relacionadas coas boas prácticas e obradoiros con contidos en torno aos criterios da Bandeira Azul.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha