- Este mércores habilitarase un posto informativo na Praza do Concello no que se entregarán, de balde, bolsas co compost producido na empresa de reciclaxe
Nos tres núcleos urbanos do municipio larachés (A Laracha, Paiosaco e Caión) e na urbanización Monte Claro de Cabovilaño está en funcionamento desde febreiro de 2020 o contedor marrón de recollida da fracción orgánica de residuos sólidos urbanos. A Laracha foi un dos concellos galegos pioneiros na súa posta en marcha a través do programa Ti tes a chave, ao que xa se sumaron unhas seiscentas familias e empresas.
Para dar a coñecer á cidadanía o resultado do tratamento desta materia e, ao mesmo tempo, agradecer a participación das persoas involucradas na iniciativa, este mércores na Praza do Concello instalarase un posto informativo no que se repartirán, de xeito gratuíto, bolsas con medio quilo do primeiro compost producido na planta de Sogama. Estas entregas realizaranse en horario de mañá, de 10:30 a 13:30 horas.
Do mesmo xeito, no estand tamén se ofrecerá á veciñanza en xeral a posibilidade de darse de alta no programa e recibir o kit de voluntariado marrón, formado por un cubo ventilado de dez litros de volume, bolsas compostables e unha chave coa que abrir os colectores da quinta fracción.
Esta iniciativa é posible grazas á colaboración entre o Concello e Sogama.