- Os beneficiarios deberán realizar as compras no supermercado Familia da vila
O Concello da Laracha e a empresa Vegalsa-Eroski asinaron este venres un convenio de colaboración polo que se pon en marcha a tarxeta solidaria, enmarcada nun programa de axudas para as familias máis desfavorecidas.
Esta tarxeta-moedeiro facilitará a xestión das axudas económicas directamente realizadas polos servizos sociais municipais. Os beneficiarios deberán mercar produtos de primeira necesidade (previamente definidos polo Concello) no supermercado Familia da localidade, situado na Avenida Doutor López Astray.
O acordo «simplifica o procedemento de acceso ás compras coa emisión dunha tarxeta-moedeiro a nome da cada usuario do servizo», sinalan desde a Alcaldía. O desconto farase directamente na caixa e no momento de realizar o pagamento, debendo o beneficiario identificarse presentando o DNI.
A posta en marcha do programa supón un avance importante xa que facilita a xestión destas axudas polo Concello pero tamén salvagarda a identidade dos beneficiarios no momento de pagar con ela.