O próximo xoves celebrarase o Pleno ordinario correspondente ao mes de novembro na Laracha. Este venres a Comisión Informativa de Asuntos Xerais do Pleno reuniuse para someter a ditame os asuntos que se elevarán a esa sesión.
Destaca entre eles a proposta de aprobación definitiva da modificación puntual da Relación de Postos de Traballo (RPT) trala resolución das alegacións presentadas durante o período de exposición pública.
Entre as novidades máis relevantes figura a incorporación dun organigrama municipal que define a estrutura organizativa do Concello, distribuída en áreas funcionais, servizos, unidades e postos de traballo, ofrecendo unha visión actualizada da organización interna da administración local. A proposta contempla, ademais, a posibilidade de que determinados postos poidan ser desempeñados indistintamente por persoal laboral fixo ou funcionario de carreira como paso previo aos futuros procesos de funcionarización, así como a valoración dos postos de nova creación mediante o correspondente sistema de complementos de destino e específicos.
De maneira paralela, tamén se propón a modificación parcial do cadro de persoal para incorporar as sete prazas que contan con dotación orzamentaria no exercicio 2026. As restantes incorporacións previstas -ata un total de 19- realizaranse de forma progresiva nos vindeiros exercicios en función das necesidades organizativas, da dispoñibilidade orzamentaria e da normativa aplicable.
A modificación da RPT é unha cuestión que se enmarca na potestade organizativa do Concello para adaptar a súa estrutura ás necesidades actuais dos servizos municipais e garantir unha prestación máis eficiente á cidadanía.
Do mesmo xeito, tamén se elevará ao Pleno a proposta de aprobación do convenio colectivo do persoal laboral e o acordo regulador do persoal funcionario, que é froito do acordado pola Mesa de Negociación e que facilitará o normal desenvolvemento das relacións de traballo do persoal do Concello.
