A Laracha | Eliminado un vertido de augas residuais ao río en Cabovilaño


A Xunta eliminou un punto de  vertido de augas residuais ao rego de Cabovilaño, afluente do rego de Quenxe, na bacía do río Anllóns.

Os técnicos do Plan de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, localizaron este foco na parroquia de Cabovilaño, no marco das inspeccións rutineiras no dominio público dos municipios.

As comprobacións realizadas polos técnicos da Xunta permitiron o inventario do punto de vertido, coas sucesivas inspeccións e mostraxes, identificando a orixe en deficiencias na operativa da depuradora na zona.

O persoal de Augas de Galicia puxo esta situación en coñecemento do Concello da Laracha co obxectivo de que levase a cabo actuacións necesarias para emendar o punto de vertido.

Nunha nova inspección efectuada ao lugar por parte do persoal de Augas de Galicia confirmouse que as actuacións levadas a cabo pola empresa concesionaria do servizo do saneamento municipal, coa instalación dun sistema de impulsión de auga residual na zona e paliando as deficiencias da depuradora que funcionaba de forma irregular, permitiron o cese do vertido de augas residuais ao afluente do rego de Quenxe.