A Laracha | En marcha as obras de reforzo da traída de auga á zona alta de Cabovilaño

1 minutes read

O Concello da Laracha ten en marcha a execución do proxecto dirixido a reforzar o servizo de abastecemento de auga potable na zona alta da parroquia de Cabovilaño.

A actuación ten por finalidade aumentar o caudal da traída da rede que abastece ás vivendas situadas en Nogán, Cardois, Xeriz e A Teixoeira. Neses núcleos detectouse que, de xeito puntual e unicamente cando se producen os picos de maior consumo coincidindo coa época estival, a presión da auga é insuficiente.

Esta problemática resolverase coa instalación dun bombeo no Igrexario de Cabovilaño equipado cun variador de frecuencia que permitirá, de modo automático, adaptar as condicións do subministro ás necesidades que se presenten en cada momento, garantíndose así a prestación do servizo con plena calidade durante todo o ano.

O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Obras Públicas, Jesús Souto, estiveron no lugar da intervención para coñecer en situ o desenvolvemento dos primeiros traballos, que serán financiados integramente con fondos propios municipais.