Os cinco socios que participan en Italia no programa europeo Un enfoque de abaixo cara arriba para a igualdade de oportunidades e a migración de xénero rubricaron o pacto de irmanamento na localidade de Castelmola (Sicilia).
Ademais do Concello da Laracha –representado na sinatura do pacto polo alcalde, José Manuel López Varela-, forman parte da iniciativa o propio municipio anfitrión (Castelmola), Veroce (Hungría), Vecpiebalgas (Letonia) e a asociación Novohradu (limítrofe entre Hungría e Eslovaquia).
O Concello da Laracha participa neste programa co obxectivo de captar ideas, coñecer diferentes políticas e iniciativas que se desenvolven noutros países europeos sobre promoción da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e as migracións e establecer relacións cos socios participantes. Deste xeito continúanse aproveitando as oportunidades que ofrece a Unión Europea a través dos seus programas para potenciar a participación cívica e fomentar as relacións entre cidadáns de diferentes países do ámbito continental.