A Laracha | Entran a roubar na cafetería Buenos Aires

1 minutes read

Varios descoñecidos perpetraron un rocambolesco roubo na cafetería Buenos Aires da Laracha. Os feitos ocorreron na madrugada deste mércores e polo método habitual utilizado polos cacos ultimamente en locais de hostalería e comercios da zona, rompendo a golpes o cristal do establecemento. De momento descoñécese a valoración oficial dos danos e do subtraído, aínda que constan varios danos tamén no interior, tanto nas máquinas expendedoras e o TPV como na caixa rexistradora. Para a dona do negocio, é incomprensible a actuación dos ladróns, que puideron levarse uns 800 euros de casualidade, uns cartos que deixara para pagar a un proveedor que viña ao día seguinte. Cre que ao activarse a alarma non puideron facer moito máis. Da máquina comecartos, malia quedar esnaquizada, non levaron nada. E a do tabaco nin a tocaron. Ademais das perdas pola desfeitas e os 800 euros roubados, a propietaria apunta que debido ao asalto atrasaron a apertura ata o mediodía, o que tamén lle xerou perdas. Non é a primeira vez que rouban neste bar, pero o modus operandi deste asalto non ten nada que ver cos que sufriu no pasado, nos que apenas tivo danos. A Garda Civil investiga para dar cos ladróns.