- A artista caionesa Maribel Castiñeiras “XMÑ” mostrará a súa obra no evento.
A expedición larachesa está encabezada polo alcalde, José Manuel López Varela, e conta tamén coa participación das concelleiras Almudena Martínez (Grupo de Goberno) e Carolina Castiñeiras (grupo do BNG), así como de representantes de diversas asociacións culturais, sociais e deportivas do termo municipal.
A artista caionesa Maribel Castiñeira “XMÑ” participa no festival cunha exposición da súa obra de pintura intuitiva, contribuíndo a dar visibilidade á creatividade e ao talento local nun contexto internacional.
Durante a xornada deste venres a delegación da Laracha foi recibida oficialmente por Corine Gino, concelleira delegada de Irmandamentos de Les Sables d’Olonne, xunto con outros membros da Corporación municipal e representantes do Comité de Irmandamento francés.
O programa de actividades incluíu unha visita ao primeiro barco gañador da Vendée Globe, a prestixiosa regata de vela que parte dende o porto de Les Sables d’Olonne e na que os participantes dan a volta ao mundo en solitario, sen escalas nin asistencia. Ademais de acudir á inauguración oficial do Festival das Artes, os representantes laracheses terán ocasión de coñecer o parque temático Puy du Fou e as históricas Salinas da rexión, exemplos do patrimonio cultural e natural da zona.
Esta viaxe supón unha nova oportunidade para fortalecer os lazos de amizade e colaboración entre A Laracha e Les Sables d’Olonne, promovendo o intercambio cultural, social e turístico entre ambas comunidades. A delegación regresará á Laracha o vindeiro luns tras completar unha intensa fin de semana de convivencia e cooperación internacional.