A Laracha abre a inscrición no servizo municipal de conciliación durante o Nadal


O Concello abrirá este luns (28 de novembro) a inscrición para o servizo de apoio á conciliación da vida persoal, laboral e familiar que se prestarán a través do Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha durante o Nadal. O prazo para solicitar a praza remata o 15 de decembro.

O servizo, que vai dirixido a nenos e nenas de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, estará en funcionamento coincidindo coas vacacións nos centros de ensino de luns a venres -agás festivos- entre as 7:00 e as 14:00 horas nas instalacións do CEIP Otero Pedrayo.

Ofrécense dúas modalidades de solicitude para acceder ao servizo ben todos os días ou ben días soltos de acordo ás necesidades de conciliación de cada usuario. Tamén se poderá escoller entre utilizar o servizo en horario completo ou reducido. En todos os casos é opcional o almorzo (servirase entre as 7:00 e as 9:00 horas). Os servizos básicos incluídos para calquera modalidade de inscrición son a acollida, coidado, vixilancia e realización de actividades educativas e lúdicas con profesionais especializados.

Servizo de canguros

No marco do Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha o Concello pon en marcha un novo servizo gratuíto de Canguros dirixido a familias con nenas e nenos desde os catro meses e ata os doce anos de idade que contempla a prestación de coidados básicos e atención nos domicilios, así como o acompañamento de menores fóra da vivenda.

Cada unidade familiar beneficiaria disporá dun máximo de corenta horas anuais para cubrir necesidades puntuais -non de carácter estable ou estrutural prolongadas no tempo- de conciliación obxectivamente demostradas por razóns laborais ou sociofamiliares.

As familias interesadas no servizo de Canguros xa poden solicitalo no Concello. Para o outorgamento das prazas, persoal técnico municipal realizará as oportunas entrevistas para avaliar a situación e as necesidades de conciliación de cada solicitante.

Deste xeito o Concello dá un paso máis nas políticas sociais dirixidas a facilitar a conciliación da vida persoal, laboral e familiar que son prioritarias na axenda do goberno municipal por tratarse, ademais, de servizos que fomentan a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.