O Concello continúa retomando a execución das obras de mellora da rede viaria que tiveran que paralizarse durante os dous primeiros meses do ano debido as condicións climatolóxicas adversas.
Nos últimos días reanudáronse os traballos na estrada da parroquia de Montemaior que comunica os núcleos do Lorteiro e Goexe. Trátase dunha ampla actuación que afecta a unha lonxitude aproximada de 1.650 metros, nos que se está a ampliar a plataforma da calzada, renovando a superficie de rodadura dos vehículos cunha capa de aglomerado asfáltico, optimizando a rede de recollida de pluviais e, para concluír, será mellorada a sinalización para aumentar a seguridade viaria.
Esta estrada dá servizo a máis de trinta parcelas agrícolas que son xestionadas por varias explotacións, polo que mellorar a vía, ademais de favorecer as comunicacións entre os citados núcleos de poboación, tamén facilitará a actividade agrogandeira e o tránsito da maquinaria e dos vehículos agrícolas.
O proxecto está valorado en preto de 135.000 euros, dos cales a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) achega máis de 88.000 euros dado que a actuación está incluída no Plan Camiña Rural 2025-2026 da Xunta de Galicia. A parte restante é financiada polo Concello con fondos propios municipais.