Nos próximos días comezarán a executarse dous proxectos de mellora da rede viaria que afectan á parroquia de Lestón e que en ambos casos serán executados por Canarga Construcciones. O alcalde, José Manuel López Varela, e Marcos Vázquez, representante da citada empresa, formalizaron os contratos como trámite administrativo previo ao inminente inicio das actuacións, valoradas conxuntamente en máis de 140.000 euros.
Un deses proxectos afecta á zona urbana da parroquia, é dicir, ao núcleo de Paiosaco. Será renovado o pavimento das rúas A Barreira, Blanco Amor, Cabana de Bergantiños, Ponteceso e Laxe, incluíndo a sinalización horizontal coa marcaxe das marxes da plataforma da calzada para aumentar a seguridade viaria. Neste caso actuarase nunha distancia lineal duns seiscentos metros.
O outro proxecto céntrase no entorno rural e consiste na mellora da estrada de novecentos metros de lonxitude lineal que comunica Paiosaco co núcleo de Lestón.