Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local acordouse a adhesión do Concello ao fondo de financiamento para a reactivación económica e social da provincia da Coruña (PEL-Reactiva) impulsado pola Deputación.
Este programa de axudas irá dirixido a mitigar os efectos negativos que están a sufrir persoas autónomas e microempresas debido á crise da Covid-19. As subvencións terán por finalidade cooperar na viabilidade económica da súa actividade e, deste xeito, contribuír na xeración de emprego no termo municipal.
A Laracha contará cunha partida orzamentaria de 185.113,21 euros para esta liña de subvencións, dos que o Concello asumirá con fondos propios municipais o vinte por cento (37.022, 64 euros).
Ademais deste programa compartido coa Deputación, o Concello promoveu durante o pasado verán un plan municipal de subvencións para o fomento do emprego mediante o impulso da actividade económica das empresas e autónomos afectados pola Covid-19, dotado con 220.000 euros e ao que solicitaron acollerse 214 autónomos e microempresas. Entre ambas iniciativas, no Concello da Laracha destinaranse máis de 400.000 euros en subvencións directas ao tecido empresarial local para paliar os efectos negativos do coronavirus.