A Laracha | Formalizado o contrato de mellora da estrada entre Bos Aires e O Pereiro

Formalización do contrato con Construcciones López Cao_Concello da Laracha

  • A actuación forma parte do Plan especial de equipamentos educativos do CEIP Otero Pedrayo e está valorada en máis de 243.000 euros

As obras de mellora e reforzo da seguridade viaria na estrada que comunica Bos Aires con O Pereiro comezarán nos próximos días despois de que o alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e o responsable da empresa Construcciones López Cao formalizasen este luns o contrato de execución desta actuación valorada en máis de 243.000 euros e que será financiada integramente con fondos municipais.

A intervención forma parte do Plan especial de equipamentos educativos do CEIP Otero Pedrayo, cuxo fin é facilitar o acceso ao colexio de maior entidade do termo municipal tanto para os autobuses do transporte escolar como vehículos particulares e persoas que acoden ao centro a pé.

O proxecto contempla a ampliación da plataforma da calzada nun treito no que se habilitará un carril para cada sentido de circulación, unha senda peonil diferenciada e separada do ámbito de circulación, espazo de aparcamento nunha das marxes e arcén. En total a superficie afectada é de 8.140 metros cadrados.