A Laracha | Formalizado o proxecto de mellora viaria en catro parroquias

Concello da Laracha

  • Será cofinanciado entre o Concello e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

O alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, e o responsable da empresa construtora SYR-AMG, formalizaron este luns o contrato de execución do proxecto que suporá a mellora de estradas municipais situadas nas parroquias de Montemaior, Soandres, Cabovilaño e Lemaio.

En concreto intervirase nas vías que discorren polos núcleos de A Ferreira (parroquias de Montemaior e Soandres), San Fins de Arriba en dirección á estrada CP-2404 (Montemaior), a estrada que comunica A Costa e Tuixe de Abaixo (parroquias de Cabovilaño e Lemaio) e unha última actuación que daría continuidade á anterior nun camiño de Tuixe de Abaixo. En todos os casos as obras teñen por finalidade mellorar o firme e a drenaxe das estradas, facilitar a circulación e aumentar a seguridade viaria.

Unha vez completados todos os trámites administrativos, as obras comezarán a executarse ao longo desta semana.
O proxecto está valorado en 74.000 euros e será cofinanciado entre o Concello e a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural no marco do Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas.