Na comisión municipal de seguimento ante a Covid-19 da Laracha, da que forman parte o alcalde, os catro concelleiros con áreas de goberno delegadas, o secretario e interventor municipais e o xefe da Policía Local, acordouse fixar no mércores 1 de xullo a reapertura do complexo deportivo da piscina municipal, incluíndo tanto a zona de auga como o ximnasio. Recentemente o equipo de goberno mantivo unha reunión coa empresa concesionaria da xestión das instalacións para consensuar esa data e establecer os protocolos de seguridade que deberá cumprir tanto o persoal ao cargo do complexo deportivo como os seus usuarios.
Ademais, avanzouse que no mes de xullo tamén regresará o servizo de aula lúdica municipal co obxectivo de facilitar a conciliación persoal e laboral das persoas que teñen ao seu cargo nenos de entre 3 e 12 anos de idade. Tamén con ese mesmo propósito o Concello porá en marcha un programa municipal de actividades culturais e deportivas centrado en propostas para o público infantil e que se levará a cabo nos meses de xullo e agosto.
Por último, acordouse que a partir do martes da próxima semana (16 de xuño) reincorporaranse ao seu posto de traballo de xeito presencial e diario os empregados municipais despois de varias semanas nas que se estableceran quendas de asistencia e teletraballo. A atención presencial no Concello seguirase facendo con cita previa (pode solicitarse chamando ao 981605001), de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas.