A Laracha impulsa ‘Miradoiro do Mar de Caión: posta en valor do patrimonio mariñeiro e litoral da Costa da Morte’

2 minutes read
Vista do Sendeiro de Saldoiro en Caión._cl

O Concello impulsa este novo proxecto, unha iniciativa que permitirá implementar un miradoiro interpretativo na contorna costeira de Caión, integrado na paisaxe e concibido como un espazo para contemplar, coñecer e interpretar o territorio e a súa relación co mar.

O proxecto desenvolverase ao longo de 2026 e 2027, e terá como actuación principal a construción dese miradoiro que se incorporará no Sendeiro de Saldoiro como un novo punto de interese para as persoas que percorren este tramo do litoral. O espazo ofrecerá unha panorámica da contorna e permitirá coñecer os valores naturais, paisaxísticos e culturais que caracterizan a costa.

O novo miradoiro estará equipado cunha mesa de interpretación coa que coñecer os recursos que se observan dende este punto privilexiado. Os contidos permitirán achegar información sobre a paisaxe litoral, os elementos naturais e ambientais da contorna, a historia mariñeira de Caión, as artes e os oficios tradicionais vinculados ao mar e a evolución da actividade pesqueira que marcaron a identidade local. Ademais, incorporarase códigos QR con acceso a contidos dixitais complementarios, ampliando a información dispoñible para as persoas visitantes.

A infraestrutura estará integrada na contorna litoral e será realizada en madeira de castiñeiro, empregando solucións construtivas orientadas a minimizar a afección sobre o terreo e favorecer a súa adaptación ás condicións ambientais e climáticas.

O proxecto completarase co deseño e desenvolvemento dun programa de rutas interpretativas pola contorna litoral de Caión. Antes de final de ano definiranse as temáticas e o percorrido relacionados coa historia mariñeira, as artes de pesca tradicional, a biodiversidade litoral, o propio miradoiro e a importancia da conservación e valorización do patrimonio costeiro. En 2027 realizaranse visitas interpretativas guiadas que irán dirixidas ao público xeral.

O proxecto ‘Miradoiro do Mar de Caión: posta en valor do patrimonio mariñeiro e litoral da Costa da Morte’ é promovido polo Concello da Laracha no marco das axudas para proxectos ao abeiro das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP), financiadas pola Consellería do Mar e o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) a través do GALP Costa da Morte.