A Laracha inicia a limpeza e conservación de cunetas na rede viaria municipal por 45.000 euros

1 minutes read
  • As actuacións afectan a 33 quilómetros lineais de estradas situadas nas parroquias de Cabovilaño, Caión, Erboedo, Golmar, Lestón e Vilaño

O Concello da Laracha iniciou a execución dun novo proxecto de limpeza e conservación de cunetas en estradas de titularidade municipal que se sitúan nas parroquias de Cabovilaño, Caión, Erboedo, Golmar, Lestón e Vilaño. O goberno local destina a estas actuacións 45.000 euros de fondos propios para mellorar as condicións das vías, aumentar a súa capacidade de evacuación e evitar que se xeren encharcamentos tanto nas estradas como nas propiedades limítrofes.

Os traballos inclúen a completa limpeza das cunetas, tubos e gabias, a formación do arcén, o perfilado dos noiros ou o desbroce e limpeza superficial do terre.

As vías obxecto das intervencións sitúanse nos propios núcleos de poboación ou nos seus accesos. Están afectados na parroquia de Caión os lugares de Xermaña, A Pedreira, O Outeiro e Alvite; en Cabovilaño, O Cancelo de Abaixo, A Telleira, O Igrexario, Padronelo, A Casanova e O Cuartel; en Erboedo, Paredes, O Piñeiro, Erboedo de Abaixo, O Igrexario, San Paio, O Campo da Ran e Reirís; en Golmar, As Talladas e San Cristovo; en Lestón, O Cruceiro, Centulle e A Porta Santa; e en Vilaño, Fragunde, Fornelos e Vilanova.

Este proxecto é similar ao que se está executando nas parroquias de Soandres, Coiro, Lemaio, Lendo e Cabovilaño. En total, entre ambas actuacións o Concello inviste 95.000 euros no acondicionamento de 71 quilómetros lineais de cunetas da rede viaria municipal.