A Laracha inicia o 3 de febreiro a recollida do novo colector orgánico marrón

Foto.- nhdiario.es

Xa hai data establecida para a posta en funcionamento da quinta fracción de recollida selectiva –colector marrón de orgánicos-. O luns día 3 de febreiro o Concello da Laracha comezará a transportar o material recollido neses recipientes á planta de Sogama, onde se empregará para producir compost de calidade aplicando a eses residuos un tratamento respectuoso co medio ambiente.
Nos próximos días o Concello completará a colocación dos contedores coas súas correspondentes ancoraxes nas vilas da Laracha, Paiosaco e Caión, e tamén na urbanización Monte Claro de Cabovilaño, por tratarse dos núcleos máis habitados do municipio.
Ditos contedores marróns de orgánicos terán unha fechadura e, por tanto, soamente poderán ser empregados polas persoas que dispoñan da chave para abrilos. Para poder obtela é preciso sumarse á iniciativa Ti tes a chave e formar parte do voluntariado marrón. Aquelas persoas, familias ou empresas que desexen inscribirse poden facelo de dous modos: a través da páxina web municipal (www.alaracha.gal) ou acudindo directamente aos puntos de recollida do kit que se lles fará entrega de xeito gratuíto e que está composto por un cubo de dez litros, bolsas compostables, a chave coa que abrir o colector marrón e material informativo. Ditos puntos de recollida están operativos na Casa do Concello, edificio administrativo e centro social da Laracha, no centro sociocultural de Paiosaco e no centro social de Caión.
A Laracha é un dos concellos pioneiros en Galicia na posta en marcha do programa piloto desta iniciativa dirixida a respectar o planeta reducindo os residuos sólidos urbanos que actualmente son depositados no colector xenérico.