- O borrador do proxecto e a avaliación ambiental do mesmo estarán sometidos durante 30 días á consulta pública
O Concello da Laracha iniciou os trámites urbanísticos para a creación, por parte da sociedade Inmobiliaria Gabenlle, dun novo ámbito comercial que quedaría integrado na trama urbana da Laracha e que contaría cunha nova rúa e unha rotonda na AC-552. O borrador do Plan parcial AR-S1 «Gallega de Mallas» e a avaliación ambiental estratéxica deste proxecto están sometidos á consulta pública a través da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia.
Este Plan parcial, cuxo desenvolvemento está previsto no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), trátase dunha iniciativa privada coa que se creará unha zona comercial nunha parcela da Laracha dirección Coruña que presenta unha superficie bruta de 28.890 m2 e cun aproveitamento lucrativo resultante de 17.334 m2, dos cales unha cesión do dez por cento correspóndelle ao Concello por parte do promotor.
Xunto a dita parcela, o PXOM xa contempla a creación dunha rotonda no punto de encontro entre a estrada autonómica AC-552 e a rúa Eusebio Bértoa Queijo que serviría tamén de conexión ao desenvolvemento deste Plan Parcial, para o que se prevé que na marxe oeste se inclúa unha nova rúa que conecte a AC-552 co viario situado ao norte do ámbito. Ademais, proxéctase a creación de 177 prazas de estacionamento público.
A asunción íntegra dos custos de execución é por parte do promotor, que tamén deberá realizar as correspondentes conexións ás redes de servizos (electricidade, telecomunicacións, gas, abastecemento e saneamento).