A Laracha | Iniciada a tramitación do plan especial de urbanización do entorno da igrexa de Lestón

O Concello da Laracha iniciou os trámites para a Avaliación Ambiental Estratéxica do Plan especial que permitirá transformar o entorno da igrexa de San Martiño de Lestón -parroquia á que pertence o núcleo de Paiosaco- e dotalo con novos equipamentos, servizos e mellores conexións viarias.

A ampla e completa intervención que promove o Concello contempla urbanizar o entorno do templo parroquial para crear nesa zona un espazo que, polas súas características e equipamentos, fará a dobre función de praza pública e de zona de aparcamento con capacidade para sesenta vehículos e tamén autobuses. Para unha mellor integración no entorno, o pavimento será de celosía de formigón que permitirá o crecemento do céspede. O ámbito contará con franxas vexetais que actúen como elementos de transición entre os diferentes espazos e tamén cunha nova rede de iluminación pública en báculos.

Ademais, serán melloradas as conexións viarias enlazando as dúas estradas que conflúen no Igrexario de Lestón e o comunican coa AC-552 á altura por un lado das Rañeiras e, polo outro, de Fofelle.

Aínda que o proxecto de urbanización do entorno da igrexa de San Martiño de Lestón está actualmente en fase de redacción, o Concello solicita xa agora o inicio da Avaliación Ambiental Estratéxica para avanzar na complexa tramitación administrativa e urbanística que implica unha intervención destas características.

Este proxecto significará unha mellora substancial dos equipamentos e da rede viaria no que é un dos puntos de encontro de referencia para Lestón, en especial durante o oficio dos actos relixiosos e nas festas populares que se levan a cabo nesa parroquia.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha