A Laracha | Iniciada a última fase de transformación da parada de taxis da Praza do Concello

Cedida

  • O proxecto, valorado en 30.000 euros, está financiado integramente con fondos municipais

A execución do proxecto de transformación da parada de taxis situada a carón da Praza do Concello da Laracha, na céntrica Avenida de Caión, entrou na súa fase final. Rematada a ampliación da beirarrúa e a colocación do adoquinado, que diferencia a zona de parada dos taxis, esta semana iniciáronse as últimas intervencións para crear unha nova marquesiña xunto á parada en substitución das cabinas telefónica. Desde o goberno local sinalan que isto aumentará «a comodidade dos usuarios durante o tempo de espera dos vehículos e tamén dos taxistas no momento de atención das chamadas». Por último, realizarase o pintado de marcas viarias, incluíndo a parada de autobús do transporte escolar.

Esta transformación ten por finalidade mellorar a accesibilidade e a seguridade viaria, así como adecuar o espazo en beneficio dos peóns, dos condutores e, por suposto, dos taxistas e os seus clientes. A actuación deseñada polo Concello está valorada nuns 30.000 euros e será financiada integramente con fondos municipais.

O alcalde, José Manuel López Varela, acudiu este venres ao lugar das obras co responsable da empresa que está a executar o proxecto e tamén co presidente da Asociación de Taxistas da Laracha, Jesús López.