- Con estas actuacións a vía será de sentido único, con entrada pola Avenida Fisterra e saída pola de Caión
Este mércores deron comezo os traballos de transformación da rúa Silverio Moreda Alvariño. Situada en pleno centro urbano larachés, o Concello dixo ser «consciente das dificultades que entrañaba para a circulación nesta rúa o dobre sentido combinado coa existencia de beirarrúas e espazos de aparcamento de vehículos a ambas marxes», polo que con estas intervencións establecerase un sentido único con entrada pola Avenida Fisterra (AC-552) e saída pola Avenida de Caión (DP-1913), vías coas que enlaza a rúa Silverio. O proxecto tamén contempla a ampliación das beirarrúas, melloras na accesibilidade e na iluminación pública e a completa sinalización horizontal e vertical en toda a rúa.
As obras, valoradas en máis de 85.000 euros, será financiadas integramente con fondos municipais. Con esta intervención o goberno local busca aumentar a seguridade viaria tanto para os vehículos como para os peóns, conservando ademais todas as prazas de estacionamento a ambas marxes da calzada en beneficio das persoas residentes e establecementos comerciais da zona.