- As probas desenvolveranse ata este sábado no parque empresarial da localidade
O Sergas comezou este xoves na Laracha un cribado masivo mediante test de saliva para a detección do coronavirus. O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde da localidade, José Manuel López Varela, estiveron na primeira xornada do cribado que se desenvolverá ata este sábado no parque empresarial da Laracha.
Serán citados vía mensaxe de texto (SMS) os 5.453 cidadáns de idades comprendidas entre os 15 e os 65 anos con tarxeta sanitaria activa no centro de saúde da Laracha (incluído o consultorio de Caión).
As persoas que sexan citadas deberán acudir dúas veces, a primeira para a recollida dos botes e a segunda, para a entrega das mostras. En ambos casos poderá presentarse un único membro da unidade familiar sempre e cando achegue os datos da tarxeta sanitaria e o número de teléfono de cada unha das persoas que foran citadas.