A Laracha investirá 393.000 euros na estrada que vertebra a parroquia de Montemaior

No Concello da Laracha celebrouse este xoves o Pleno ordinario do mes de setembro, no que foron aprobados varios asuntos de diferente índole relacionados principalmente coa organización do funcionamento do Concello, normativas municipais e proxectos de mellora de infraestruturas públicas.

Unha das cuestións máis destacadas foi aprobada por unanimidade. Trátase da inclusión do proxecto de renovación completa da estrada da parroquia de Montemaior entre Santa Margarida e a DP 2404 na segunda fase do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (POS+) Adicional da Deputación da Coruña. A actuación presenta un orzamento de 393.000 euros -máis outros 62.500 que inviste o Concello na expropiación dos terreos-. Afecta a unha distancia de 2.355 metros lineais pasando tamén polos núcleos de A Baiuca, O Sopé e Propeste, sendo por tanto unha vía que “vertebra as comunicacións nesa parte de Montemaior” como apuntou o alcalde, José Manuel López Varela. A plataforma da calzada será ampliada ata os dez metros de anchura, contará cun novo pavimento e disporán de elementos de seguridade como biondas e sinalización horizontal e vertical, ademais dunha mellor rede de recollida de augas pluviais.

Outros asuntos do Pleno

Repetiuse a unanimidade na aprobación do I Plan Local de Infancia e Adolescencia. Tamén houbo acordo dos tres grupos municipais na proposta de solicitar á Deputación da Coruña unha subvención nominativa para o financiamento do proxecto de remusealización do Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte, en Golmar. Do mesmo xeito, foi aprobada a nova ordenanza municipal reguladora da administración electrónica. Tamén houbo unanimidade na aprobación da modificación do Plan Xeral de Prevención de Riscos e de Medidas Anti-Fraude.

Ademais, coa fin de acadar o mellor funcionamento deste departamento municipal, aprobouse o recoñecemento da dedicación exclusiva de Pablo Cambón como encargado da dirección interna e a xestión da Concellería delegada de Patrimonio, Obras e Urbanismo debido á complexidade e a gran cantidade de traballo que leva consigo. Neste caso fíxose cos votos en contra dos grupos municipais do PSOE e do BNG.

Tamén saíu adiante a modificación das bases de execución do presuposto xeral -abstención do PSOE- necesaria para efectuar os trámites das subvencións nominativas a dúas entidades organizadoras de festas parroquiais que cambiaron o seu nome este ano.

E aprobouse, de novo por unanimidade, a declaración de especial interese por concorrer circunstancias de fomento do emprego, coa correspondente bonificación do 95 % na cota do imposto de construcións instalacións e obras (ICIO), do proxecto de Coleo Recycling S.L., promotora da construción dunha nova nave industrial no parque empresarial da Laracha que se dedicará á clasificación téxtil destinada a reciclaxe.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha