A Laracha investirá 424.000 euros na mellora da súa rede viaria

Foto.- Cedida.

O Concello iniciou o procedemento de contratación dunha serie de proxectos dirixidos a mellorar a rede viaria en diferentes localizacións do termo municipal. O investimento total alcanzará os 424.000 euros, que serán cofinaciados pola Deputación da Coruña ao estar incluídos no POS+ 2022. Todas as intervencións proxectadas contemplan a renovación da superficie de rodadura e a correspondente sinalización horizontal e vertical en estradas situadas en núcleos de poboación rural ou ben nos seus accesos.

Na parroquia de Lendo intervirase en O Canle, Samiráns e O Cruceiro Novo. Neste último lugar tamén se colocará un pavimento diferenciado con adoquín de granito no perímetro do cruceiro para aumentar a súa protección, así como a canalización da rede de recollida de pluviais e a instalación dunha bionda de seguridade.

En Cabovilaño no lugar de A Braña será ampliada a plataforma da calzada e canalizada a rede de recollida de pluviais. Ademais, actuarase para mellorar a estrada de O Cancelo.

En Montemaior a intervención de maior entidade afecta a O Raño, onde será reforzada a seguridade viaria coa instalación dunha bionda debido ao desnivel existente cos terreos adxacentes. Así mesmo, contémplase unha actuación na estrada que comunica A Baiuca con A Pena.

Na parroquia de Torás os traballos localizaranse nos núcleos de A Portela e A Barreira e na vía que comunica a Avenida de Caión (casco urbano da Laracha) con O Campo.

En Vilaño as obras previstas afectarán aos núcleo de O Formigueiro e Os Meáns e á estrada que vai desde A Botica ata O Pino.

En Soutullo intervirase en O Vilar, Os Bidueiros e A Abeleira, contemplando nesta última obra melloras na rede de pluviais.

En Lestón será mellorada a vía que dirixe á igrexa parroquial de San Martiño desde A Rabadeira.

En Soandres hai proxectadas dúas intervencións nos núcleos de Borreiros e Curros.

Do mesmo xeito en Coiro están previstas dúas obras en O Coto (inclúe ampliación da rede de pluviais) e As Meneiroas.

Tamén se realizarán actuacións nas parroquias de Golmar (O Igrexario) e Erboedo (Paredes).

Por tanto, en total todas estas obras de mellora do pavimento e da seguridade na rede viaria de titularidade municipal afectarán a vinte e cinco núcleos de poboación de once parroquias.