A Laracha leva ao pleno deste venres a aprobación de catro ordenanzas municipais

Pleno del mes de marzo 2022_Concello da Laracha

  • Dúas poderán aprobarse definitivamente, como o caso do Programa Harmoniza ou o funcionamento e admisión no viveiro municipal de empresas

Este martes na Laracha celebrouse unha reunión da Comisión Informativa Permanente de Asuntos Xerais na que foron sometidos a ditame catro asuntos que serán elevados ao pleno ordinario do venres, todos eles relacionados coa actualización e aprobación de novas ordenanzas municipais.

Nos casos das ordenanzas reguladoras do Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha e do funcionamento e admisión no viveiro municipal de empresas, a proposta é elevar a aprobación a definitiva. Con respecto ao programa de conciliación, a normativa garante a continuidade do mesmo durante os próximos anos e facilita a incorporación de novas medidas se así fose necesario. O texto proposto contempla notables rebaixas na puntuación da baremación necesaria para ter dereito a bonificacións na cota xeral e prioriza o acceso ao servizo ás persoas que xustifiquen a necesidade por circunstancias laborais ou sociofamiliares.

En canto ao viveiro municipal de empresas, a ordenanza está centrada na regulación tanto dos criterios de admisión como no funcionamento das instalacións. Grazas a esta infraestrutura, o Concello ofrece aos emprendedores laracheses a oportunidade de dispoñer dun espazo físico –naves industriais e oficinas- e as condicións e servizos precisos para a implantación inicial e a consolidación da súa actividade, apoiando así as iniciativas empresariais que contribúan á dinamización industrial, á promoción económica e á creación de emprego no municipio.

No pleno do venres tamén se abordarán as novas normativas sobre o uso da praia de Caión e a das terrazas dos locais de hostalería. A aprobación, neste caso, sería con carácter inicial.

Afondando na normativa de terrazas, o obxectivo é regular o réxime xurídico ao que debe someterse o aproveitamento do dominio público mediante a colocación de mesas, cadeiras, toldos, proteccións laterais e instalacións análogas anexas a establecementos hostaleiros de carácter permanente. O texto procura organizar a distribución dos espazos para permitir a actividade comercial pero garantindo a boa accesibilidade para os peóns e adecuando a estética da terraza en torno ao lugar no que se sitúa. Tamén establece os horarios de funcionamento nas diferentes épocas do ano.

Por último, a ordenanza do uso da praia de Caión ten por finalidade regular as actividades que se realicen no areal co propósito de aumentar a seguridade e protexer a saúde pública e o medio ambiente. Neste sentido, o texto proposto pretende compatibilizar o desenvolvemento de diversas actividades na praia pero establecendo que o paseo, a estancia na area e o baño terán preferencia sobre calquera outro uso.