O Concello vén de sacar a licitación o contrato do servizo para a creación dun novo software destinado á xestión das inscricións e do pagamento en liña das actividades municipais. O orzamento máximo é de 23.232 euros e o prazo de presentación de ofertas estará aberto ata o 30 de xaneiro.
O obxectivo principal desta iniciativa é mellorar, facilitar e optimizar o procedemento de inscrición. Farase apostando por unha ferramenta moderna, intuitiva e de fácil manexo tanto para a cidadanía como para o persoal municipal. O novo sistema permitirá avanzar na dixitalización dos servizos públicos e achegar á veciñanza dun xeito máis cómodo a ampla oferta de actividades deportivas, culturais e sociais que promove o Concello ao longo de todo o ano.
A aplicación desenvolverase como unha plataforma web responsive que garanta unha presentación adaptada e accesible desde calquera dispositivo —ordenadores de sobremesa, tablets, smartphones, etc.— e compatible con todos os navegadores web e sistemas operativos. Deste xeito, facilitarase o acceso ás inscricións e aos pagamentos en liña desde calquera lugar e en calquera momento, mellorando a experiencia das persoas usuarias e fomentando a participación nas actividades municipais.
O novo software será de propiedade exclusiva do Concello da Laracha, o que permitirá unha maior autonomía na súa xestión futura, adaptalo ás necesidades municipais e evolucionar o sistema en función das demandas da cidadanía.
O proxecto está cofinanciado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) ao abeiro da convocatoria de axudas para a execución de operacións en apoio de terceiras persoas que se tramitan no marco da Intervención Leader, cofinanciadas polo Feader dentro do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC).
Con esta iniciativa, o Concello reafirma o seu compromiso coa modernización da administración local, a mellora continua dos servizos públicos e a eliminación de barreiras de acceso á participación cidadá, avanzando cara unha xestión máis próxima, eficiente e adaptada ás necesidades actuais.