O Concello sacou a licitación o proxecto de mellora das estradas nos núcleos de O Raño e O Xestal, ambos na parroquia de Montemaior, que está incluído no Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2022-2023 impulsado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dependente da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia.
A actuación proxectada afecta a unha lonxitude lineal de 1,7 quilómetros de vías que lindan directamente ou dan acceso a un importante número de parcelas agrícolas e mesmo a unha instalación agrogandeira. O triplo propósito da intervención é mellorar a superficie de rodadura do firme, a drenaxe e a sinalización para facilitar o tránsito e aumentar a seguridade viaria.
O proxecto está valorado en máis de 94.000 euros. A asignación que lle corresponde ao Concello da Laracha ao abeiro da convocatoria de axudas de Agader é de 78.456 euros, financiándose a parte restante con fondos propios municipais.
O prazo de presentación de ofertas permanecerá aberto ata o 9 de setembro. Os pregos que rexen o procedemento están dispoñibles na Plataforma de Contratación del Sector Público.