O Concello licitou este martes o proxecto mediante o que será mellorada a estrada en Vista Alegre, na parroquia de Soandres, contemplándose actuar tanto nese propio núcleo de poboación como nos accesos a través da conexión coa AC-523. A actuación está incluída no Plan Camiña Rural 2026-2027 impulsado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dependente da Consellería do Medio Rural.
A ampla actuación proxectada afecta a unha lonxitude total de 1.080 metros da rede viaria, nos que se vai renovar a superficie de rodadura dos vehículos cunha capa de aglomerado asfáltico, acondicionar as cunetas para ampliar a plataforma da calzada, optimizar a rede de recollida de pluviais e mellorar a sinalización para aumentar a seguridade viaria.
O proxecto está valorado en 123.668 euros, dos cales Agader achegará máis de 86.672 euros e a parte restante será financiada polo Concello con fondos municipais.
Toda a documentación relativa a este proxecto está dispoñible para a súa consulta na Plataforma de Contratación del Sector Público. O prazo de presentación de ofertas permanecerá aberto ata o 31 de agosto.