A Laracha licitará catro proxectos de mellora viaria por 430.000 euros

2 minutes read
  • Tamén se contempla a ampliación das redes de pluviais e abastecemento de auga

Durante a próxima semana o Concello da Laracha sacará a licitación catro novos proxectos de mellora viaria en varios núcleos rurais, así como a ampliación das redes de pluviais e abastecemento de auga. As obras contan cun orzamento de 431.000 euros e desenvolveranse en 25 lugares dun total de 9 parroquias.

En Soandres os núcleos afectados son os de O Priorato, A Abeleira, Boimir, A Insuaboa, Currelos de Abaixo, Condesuso, Condes, As Táboas e A Ponte da Veiga, onde será mellorada a capa de rodadura das estradas.

Na parroquia de Montemaior actuarase nos núcleos de O Batalo, Bardenlos, A Ferreira, Casas Longas, O Lorteiro e Pazos, incluíndo a mellora do pavimento en todas as estrada e tamén da rede de recollida de augas pluviais nos puntos nos que así é necesario.

En Lemaio levarase a cabo unha ampla intervención que contempla a mellora da capa de rodadura de dúas vías que comunican e discorren polos núcleos de A Estrada, Tuixe de Arriba, Tuixe de Abaixo e A Barreira, e que presentan unha lonxitude total duns 5.000 metros lineais. Tamén se contempla a mellora e ampliación da rede de abastecemento de auga.

En Torás a intervención prevista corresponde á estrada no núcleo de O Campo, moi próximo ao casco urbano da Laracha, onde as obras consistirán no acondicionamento dos sobreanchos resultantes da construción de novos peches de parcelas particulares para o seu aproveitamento como espazos de aparcamento. Tamén será ampliada e mellorada a rede de recollida de augas pluviais.

Na parroquia de Cabovilaño mellorarase a vía do núcleo de Cardois, incluíndo tamén a mellora da rede de pluviais. En Caión, no núcleo de Goxán, levarase a cabo unha intervención de similares características.

En estradas dos lugares de A Painceira (parroquia de Coiro), O Campo da Porta (Lendo) e Vilanova (Vilaño) será renovada a superficie de rodadura dos vehículos.

En todos os casos os proxectos inclúen as correspondentes sinalizacións horizontais e verticais.