O de maior investimento será a creación dun parque te patinaxe (skate park) no entorno do IES Agra de Leborís. Destinaranse 155.000 euros a construír esta nova infraestrutura pensada especialmente para o público xuvenil. Neste ámbito da capital municipal estase a conformar unha nova área de referencia para a práctica deportiva, xa que ademais do parque de patinaxe existirán dúas pistas polideportivas (unha xa operativa e outra actualmente en fase de execución) e tamén un punto de lavado de bicicletas que vai ser habilitado polo Concello.
Os outros tres proxectos céntranse na mellora da rede viaria municipal, contemplándose a renovación da superficie de rodadura dos vehículos e actuacións relativas á sinalización como reforzamento da seguridade viaria.
Un deles afecta a unha única estrada da parroquia de Vilaño que presenta unha lonxitude de 2,7 quilómetros e comunica os lugares de A Ribela, Marfulo e A Piña. O orzamento é duns 144.000 euros.
Outro proxecto inclúe intervencións na parroquia de Erboedo (núcleo de Vilarmaior e accesos a O Vilar), Coiro (accesos a Longra e O Toural) e Montemaior (núcleos de Cumiáns e A Fieira). Suporá un investimento superior aos 131.000 euros.
Por último, destinaranse outros 108.000 euros á mellora da rede viaria en núcleos das parroquias de Golmar (A Calvela e Requesende) e Erboedo (Cendón).
