A Laracha lidera en Croacia o cuarto evento europeo centrado na crise migratoria

El alcalde de A Laracha, José Manuel López Varela (izquierda), con el responsable de la Comisión Europea en Croacia, Ognian Zlatev Concello de A Laracha

  • A quinta e última cita terá lugar en xaneiro do próximo ano en Venecia

As localidades croatas de Zagreb e Gornja Rijeka acollen o cuarto evento do proxecto Strengthening a Europe of solidarity in times of migration (Fortalecendo unha Europa solidaria en tempos de migración) que lidera o Concello da Laracha e que conta cun total de 20 socios, entre municipios e entidades, procedentes de 19 países europeos. Trátase dunha iniciativa enmarcada no programa Europe for Citizens e financiada integramente pola Unión Europea. O Concello da Laracha está representado na figura do alcalde, José Manuel López Varela.

Do mesmo xeito que nos tres eventos anteriores celebrados na Laracha, na cidade lituana de Kaunas e no municipio maltés de Qrendi, a temática céntrase en comprender a actual problemática da crise migratoria en diferentes puntos de Europa e cooperar na procura de respostas á mesma «desde os valores da integración, o diálogo e a reflexión social», afirmou o rexedor larachés.

A primeira das dúas xornadas das que consta o evento celebrouse este martes en Gornja Rijeka, un municipio rural situado na zona interior. A delegación foi recibida polo seu alcalde, Darko Fistrovic. Ao longo da xornada describiuse a realidade sociocultural croata, abordouse a problemática das migracións e, ademais, a entidade neerlandesa que forma parte como socia deste programa explicou o proxecto de integración de inmigrantes que está en marcha en Almere, cidade situada no centro dos Países Baixos. O punto e final do encontro foi a historia do doutor libanés Issam Dbouk que leva dez anos residindo en Croacia, país ao que chegou como refuxiado.

Este mércores a actividade desenvolveuse en Zagreb. O primeiro acto foi co responsable da Comisión Europea en Croacia, Ognian Zlatev, que explicou as dificultades do país para conter as migracións debido tanto á situación xeográfica como á orografía do terreo e a ser o estado membro da UE con máis quilómetros de fronteiras. Tamén lembrou que Croacia é o membro máis novo da UE, á que se incorporou o 1 de xullo de 2013, e animou aos diferentes países a aproveitar os fondos do programa Next Generation para transformar a súa economía.

A continuación, a delegación larachesa desprazouse ata a sede do concello de Zagreb, onde foron recibidos por Josko Klisovic, presidente da asemblea da cidade. No encontro abordáronse as estratexias locais e estatais para axudar aos inmigrantes a todos os niveis e favorecer a súa integración.

O proxecto Fortalecendo unha Europa solidaria en tempos de migración finalizará a mediados de xaneiro co quinto e último evento a celebrar Venecia.