A Laracha | Limpeza e acondicionamento do entorno do río Acheiro

O Concello da Laracha continúa mostrando o seu firme compromiso coa posta en valor dos medios fluviais como espazos naturais de gran riqueza paisaxística e medioambiental e que son aptos para uso e goce dos veciños e visitantes na realización de rutas a pé.

Todos os anos desde o Concello impúlsanse actuacións nas marxes dos ríos para acondicionalas, controlar o crecemento da biomasa e mantelas en boas condicións de limpeza. Os labores consisten esencialmente na eliminación da maleza na zona de policía de cinco metros.

Nesta ocasión as brigadas medioambientais municipais están a centrar a súa actuación no río Acheiro cunha ampla intervención que comprende o tramo de preto de seis quilómetros que vai desde a ponte de A Beria (parroquia de Golmar) ata a desembocadura no río Anllóns á altura do lugar de Samiro (parroquia de Vilaño).

O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro José Ramón Martínez Barbeito reuníronse cunha das cuadrillas nas inmediacións da ponte de A Fraga, lugar no que están a acometer os traballos nestes momentos, para interesarse polo resultado das actuacións.

O patrimonio natural que conforman os ríos laracheses son lugares de especial beleza paisaxística e biodiversidade animal e vexetal que en moitos casos é descoñecida mesmo polas persoas residentes nas proximidades desas zonas. Desde o Concello da Laracha animan aos veciños a descubrir os medios que ofrece o río Acheiro e tamén o Anllóns, o Bradoso e o Vilán que, grazas ás actuacións xa desenvolvidas e as que se están levando a cabo nestes momentos, son de cómodo acceso a pé e permiten a realización de rutas de sendeirismo.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha