- Os titulares dos terreos teñen 15 días naturais para executar a limpeza dos mesmos
No concello da Laracha notificáronse 849 incumprimentos da normativa de xestión da biomasa nas franxas secundarias, aquelas ideadas para evitar a propagación do lume e cuxos propietarios deben manter limpas e en boas condicións.
De acordo coa lexislación vixente, o Concello está a dar traslado das correspondentes notificacións aos propietarios de ditas parcelas informándolles do prazo máximo de 15 días naturais para executar as actuacións oportunas. Transcorrido este tempo, procederase á execución subsidiaria e os custos correrán a cargo dos titulares dos terreos.
O Concello da Laracha está adherido a un convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a empresa pública de servizos agrarios Seaga para a protección das aldeas en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais.