A Laracha mellora a rede viaria en dous núcleos da parroquia de Coiro

O Concello ten en fase de execución o proxecto de mellora da rede viaria que afecta ás estradas dos núcleos de Novás e A Ferrulleira, ambos na parroquia de Coiro.

Nos dous casos as obras van dirixidas a favorecer a drenaxe coa mellora substancial da rede de recollida de augas pluviais. Así, están a ser instaladas novas tubaxes soterradas nos bordes da calzada, que a continuación serán acondicionados para aproveitar os sobreanchos e facilitar a circulación dos vehículos.

O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Obras Públicas e Urbanismo, Pablo Cambón, desprazáronse ao lugar das obras para supervisar as actuacións xunto a operarios da empresa adxudicataria, Canarga Construcciones.

Este proxecto está valorado nun total de 155.000 euros e tamén inclúe outras intervencións localizadas en Erboedo e que se realizarán posteriormente. Consistirán, neste caso, na mellora da superficie de rodadura dos vehículos e a sinalización vertical en estradas dos núcleos do Igrexario desa parroquia e de San Paio.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha