A Laracha | Novo acto vandálico en Caión con catro contenedores de lixo queimados

Acto vandálico en Caión_Concello da Laracha

  • A Policía solicita a colaboración cidadá para avanzar na investigación do caso, que tamén provocou danos nun cadro e transformador eléctricos

A vila de Caión, no concello da Laracha, volveu a sufrir na madrugada deste mércores un acto vandálico que supuxo a queima de catro contedores de lixo situados na Avenida Méndez Núñez. Isto provocou importantes danos no cadro e transformador eléctricos existentes nas súas inmediacións.

Os bombeiros de Carballo achegáronse ata o lugar dos feitos sobre as catro da mañá, e ata alí tamén se desprazaron axentes da Garda Civil. Como consecuencia do lume víronse afectados varios edificio de Caión tras sufrir un corte na subministración eléctrica durante a noite, aínda que logrou ser restablecido na mañá do xoves. Do mesmo xeito, tamén se viu afectado o servizo de iluminación pública polo que o Concello tivo que realizar as comprobacións oportunas para detectar posibles danos no alumeado.

A Policía Local da Laracha iniciou unha investigación para tratar de dar cos responsables do sucedido e para iso tamén solicita a colaboración cidadá.

Por outra banda, desde o goberno local lamentan o suceso, non só polo custo económico que suporá para as arcas municipais, senón tamén por perturbar a tranquilidade da vila e provocar incidencias no subministro eléctrico tanto en vivendas particulares como en establecementos comerciais. Ademais, desde o Concello mostran a súa preocupación pola sucesión de actos vandálicos que se están a rexistrar na vila de Caión nas últimas semanas, xa que tamén se produciron recentemente a queima doutro contedor de lixo, o roubo de dous amarres de colectores e a ruptura de varias balizas do alumeado público do paseo marítimo.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha