A Laracha | O BNG leva ao pleno unha moción para a creación dunha área recreativa canina

1 minutes read
  • No documento instan ao Concello a que reclame á Xunta unha dotación económica para sufragar os gastos derivados da Lei de Protección Animal

O grupo municipal do BNG na Laracha levará ao pleno deste venres varias iniciativas, entre as que se atopan unha moción para a creación dunha área canina, prometida na campaña electoral municipal polo actual goberno, e outras medidas en relación coas mascotas, como o control da implantación do chip.

No tocante á área canina, a concelleira Carolina Castiñeiras Brandón destaca que a creación dunha zona deste tipo é vital para o equilibrio físico e mental do animal. Ademais, para que as persoas propietarias de mascotas teñan maior comodidade, desde o BNG cren que «debería instalarse nestas áreas de recreo tanto bancos onde descansar, como contedores suficientes para facilitar a limpeza destas áreas».

Na moción tamén se instará ao Concello a promover campañas de concienciación da importancia e obrigatoriedade do microchipado, así como a aumentar convenios coas asociacións protectoras para a recollida de animais deambulantes. Desde o BNG tamén pretenden que a administración local reclame ao Goberno da Xunta unha dotación económica para axudar ao concello a sufragar os gastos derivados da Lei de Protección animal, «pois a súa aplicación non debe supoñer un gasto engadido as entidades locais», destaca Castiñeiras.

Por outra banda, na xornada deste venres tamén se debatirá na Comisión de Educación do Parlamento de Galicia unha iniciativa do BNG sobre a escola unitaria de Cumiáns en Montemaior. O portavoz do grupo municipal do BNG na Laracha, Xoán M. Sande, sinala que se trata dunha Proposición Non de Lei (PNL) na que «demandamos que se manteña aberta esta escola rural, a única que quedaba no concello ao remate do curso pasado».