A Laracha |O BNG busca protexer os remanentes dos concellos do Estado

1 minutes read
  • Solicitarán a derrogación da chamada «lei Montoro» e a interlocución coa FEGAMP como organismo de representación dos concellos galegos

O Grupo Municipal do BNG da Laracha levará unha moción ao próximo pleno da Corporación en contra de calquera intento de incautación dos remanentes dos concellos por parte do goberno do Estado, xa que «as necesidades estatais non poden anular as necesidades locais», sinala o voceiro municipal do BNG, Xoán M. Sande.

Os nacionalistas móstranse sorprendidos pola xuntanza extraordinaria convocada pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para presentar e aprobar un acordo entre o goberno de España e a asociación, e así contribuir a desenvolver una mobilidade sostible, con políticas de coidados e apoio á cultura. Para Sande, este acordo agocha o que «é nin máis nin menos que o feito de que o estado faga unha operación para dotarse de liquidez a conta dos remanentes municipais; e estamos falando de que a cantidade de remanentes das entidades locais galegas estímase nuns 890 millóns de euros».

Segundo Sande, a reacción de rexeitamento xeralizado fixo que o presidente da FEMP se vira na obriga de suspender a Xunta de Goberno na que pretendía dictaminar este acordo e sinala que «a excusa do ministerio para xustificar esta proposta en base á imposibilidade de incumprir a lei de estabilidade, a chamada lei Montoro, de que así non lle computa aos concellos como déficit, é un insulto a intelixencia».

Por todo isto, no próximo pleno solicitarán a derrogación da chamada «lei Montoro» e a interlocución coa FEGAMP como organismo de representación dos concellos galegos.