A Laracha | O castro de Montes Claros revela relacións comerciais co Mediterráneo

1 minutes read
  • Os arqueólogos de Terra Arqueos sinalan que este castro foi un «centro de distribución de mercadorías»

Este martes, o alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, mostrouse moi ilusionado por ver as primeiras escavación no castro de Montes Claros que se están executando nunha das entradas, e tamén na croa, baixo a supervisión da arqueóloga Puri Soto, da empresa Terra Arqueos.

A arqueóloga considera que agora «estamos na parte máis importante desde o punto de vista da investigación». Tras localizar o castro procedeuse á dúas calicatas de sondaxe para indagar sobre a especificidade do castro, a que se dedicaban e a súa fase de ocupación. Neste sentido, subliñou a máis que probable natureza viaria debido ao miliario achado nesta zona. Soto cre que este castro foi «un centro de distribución de mercadorías», sobre todo co Mediterráneo, tras a aparición dun fragmento de peza ibérica.

Esta primeira fase da escavación faise tras un longo proceso desenvolvido polo Concello aprobando, en primeiro lugar, a modificación puntual PXOM para protexer este e outros seis elementos importantes do patrimonio arqueolóxico municipal. Posteriormente, a Administración local adquiriu máis de 43.000 metros de terreos que conforman o castro e que están situados entre as parroquias de Vilaño e Cabovilaño para, finalmente, acometer traballos de desbroce e limpeza.

O rexedor municipal adiantou que a súa idea é «continuar desenvolvendo distintas campañas para ir sabendo o que esconde o castro de Montes Claros».