A Laracha | Citan para cobrar aos donos dos terreos expropiados para ampliar o CEIP Otero Pedrayo

Concello de A Laracha_GOOGLE MAPS

  • O Concello solicitará subvencións á Xunta de Galicia e á Deputación da Coruña para a contratación de persoal

A Xunta de Goberno Local da Laracha decidiu este xoves, nunha sesión ordinaria, fixar para os días 8 e 9 de abril unha cita cos actuais propietarios dos terreos afectados pola primeira fase de ampliación dos equipamentos do CEIP Otero Pedrayo para proceder ao pagamento da expropiación, así como ao correspondente levantamento das actas previas á ocupación.

O Concello inviste 43.7078,96 euros na adquisición dos 2.696 metros cadrados de superficie –repartidos en catorce parcelas- que están afectados polo proxecto de mellora dos accesos ao centro de ensino e polo reforzamento da seguridade viaria na zona, onde se habilitarán prazas de estacionamento e unha senda peonil. En concreto ampliarase a estrada entre Bos Aires e As Calzadas, dando continuidade á mellora da vía -xa realizada- entre esta última e O Pereiro. O proxecto, que será licitado polo goberno local nos próximos días, está valorado en 245.000 euros consignados nos orzamentos e que proceden integramente de fondos propios municipais.

Contratación de persoal
A Xunta de Goberno Local tamén acordou solicitar varias axudas para a contratación de persoal. Unha delas está supeditada á Consellería de Emprego e Igualdade e permitirá contratar a un técnico en orientación laboral por un período de doce meses. Outra das solicitudes realizarase ante a Consellería de Cultura, Educación e Universidade para contratar durante catro meses a un técnico especialista en arquivos e patrimonio documental.

Ao abeiro do programa da Deputación da Coruña para a limpeza de praias marítimas, na xuntanza tamén se aprobou solicitar unha achega para contratar a nove persoas que traballarán no areal de Caión durante o período estival.